O presente mestrado amósase como o resultado da fusión de dous mestrados da Universidade de Vigo:

  • Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais, adscrito á Facultade de Historia do Campus de Ourense. De carácter investigador, vinculado ao Programa de Doutoramento Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais, regulado polo RD 1393/2007 e implantado no curso académico 2009-2010.
  • Tecnoloxías para a Protección do Patrimonio Cultural Inmoble, adscrito á Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas. De carácter profesionalizante.

Esta fusión produciuse polas esixencias presentadas polo decreto 222/2011 da Xunta de Galicia, que establece un mínimo de 20 alumnos de nova matriculación cada ano nos mestrados. Ademáis, xa anteriormente a isto apreciaranse sinerxias entre ambos mestrados, ao estar parte do profesorado do ámbito das Humanidades incorporado ao mestrado de Minas, e ambos mestrados presentaban materias con competencias específicas semellantes, sobre todo no ámbito de valoración e difusión do Patrimonio Cultural.

Nivel nacional:

  • As facultades de Xeografía e Historia, Historia do Arte e Humanidades teñen vido ofrecendo tradicionalmente formación relacionada co estudo, valoración e cuantificación do Patrimonio, non tanto sobre a súa xestión e conservación. A percepción do interese destes ámbitos é máis recente e téñense consolidado preferentemente nos niveis de posgrao.
  • Con oferta formativa moi similar pero axenas ao sistema universitario, as Escolas Superiores de Conservación-Restauración de Bens Culturais, teñen vido ofertando unha formación moi especializada en intervención directa (para a conservación), centrada esencialmente en bens mobles.
  • A Arquitectura, ten vido ofrecendo unha oferta vinculada máis específicamente ao tratamento e xestión do Patrimonio inmoble. Sen embargo, na tradición española as Escolas de Arquitectura teñen estado basculadas cara o urbanismo ou a nova edificación, desatendendo a formación en conservación, que ten sido –como veremos- recollida na oferta de posgrao de algunhas Escolas (Madrid, Valencia, Sevilla, A Coruña).
  • En paralelo, as facultades de Belas Artes teñen vido ofrecendo formación especializada en conservación-restauración de bens mobles como unha especialidade da Licenciatura. Por oposición ao encargo da Arquitectura, as Facultades de Belas Artes teñen ofrecido formación sobre conservación de Bens Mobles.
  • Salvo excepcións de carácter casi persoal, outras disciplinas das ciencias sociais (dereito, economía) ou das naturais e tecnolóxicas (bioloxía, xeoloxía, química, enxeñaría, etc.) apenas teñen profundizado na súa aportación potencial á protección do Patrimonio cultural e manteñense afastadas dos circuitos formativos.

Este mapa académico ten deixado fora tanto diversos ámbitos específicos do Patrimonio (etnográfico, etc) como -significadamente- perspectivas para abordar a súa protección.

Nivel internacional:
Podemos observar un panorama algo máis variado, atopándonos con propostas relacionadas coa conservación do Patrimonio moble (ou outros obxectivos indeterminados), con conservación de arquitectura histórica ou doutros relacionados con varios tipos de Patrimonio (arqueolóxico, paisaxístico ou incluso Patrimonio inmoble en xeral).